Síndrome de "ansiumnencia"
Resumen
Rosa, de 64 anos, vén a consulta por perda de peso involuntaria, astenia e aumento de nerviosismo nas últimas semanas.
É exfumadora de 15cig/día. Ten hipertensión, asma bronquial persistente e síndrome ansioso tratado con diazepam-sulpirida 5-50mg (ansium). Ama de casa, casada, con dous fillos e un neto ao seu cargo. Economicamente sen dificultades. Adoita reaccionar con ansiedade ante os acontecementos familiares desafortunados.
Unhas consultas atrás, comentáranos que aumentara o diazepam a dúas tomas diarias polas mesmas preocupacións familiares, volvera a fumar e tiña menos apetito. Como sospeitamos unha probable “tolerancia á benzodiacepinas”, suspendemos diazepam-sulpirida 5-50mg e iniciamos paroxetina e lormetazepam.
Na seguinte consulta, ten unha perda ponderal de 6-7kg no último mes, nerviosismo intenso, labilidade emocional, irritabilidade, insomnio e tremores distales. Sen outra clínica en anamnesis por aparellos. Tampouco aumentaron os estresores no contexto socio familiar. Facemos unha exploración física completa que é anodina.
Como posibles diagnósticos diferenciais expomos neoplasias subxacentes, trastornos endocrino-metabólicos, infeccións crónicas, trastornos psiquiátricos e síndrome de abstinencia ás benzodiacepinas.
Pautamos novamente diazepam-sulpirida, suspendemos paroxetina e solicitamos probas complementarias: analítica completa, SOH, radiografía tórax e ecografía abdominal: sen achados relevantes. Clinicamente ás dúas semanas, melloría de ansiedade e ganancia ponderal de 3kg.
Diagnóstico: Síndrome de abstinencia a benzodiacepinas.
Plan: Introdúcese amitriptilina e procédese a desescalar paulatinamente diazepam. En revisións posteriores mantense asintomática e só coa amitriptilina.
Conclusións:
-A dependencia a benzodiacepinas pódese producir tras o uso en períodos prolongados, cunha síndrome de abstinencia ante a deprivación brusca. As benzodiacepinas deben utilizarse en períodos curtos e facer a desescalada moi progresivamente.
-Pode existir fenómeno de tolerancia co uso de benzodiacepinas que leve aos pacientes a autoaxustarse as doses á alza, aumentando o risco de adicción e dificultando a deshabituación.
Descargas
Publicado
Licencia
Derechos de autor 2023 XORNADAS AGAMFEC
Esta obra está bajo una licencia internacional Creative Commons Atribución-NoComercial 4.0.