Fibroelastoma dorsi: Utilidade da ecografía no diagnóstico de lesións dermatolóxicas na consulta de medicina de familia

PREMIO AO MELLOR CASO CLÍNICO

Autores/as

  • Marta María Calvo Seoane
  • José Manuel Solla Camino
  • Carmen Toscano Alonso
  • Maria Joao Da Costa Rodrigues

Palabras clave:

Fibroelastoma dorsi, Elastofibroma dorsi, Ecografía, Medicina de familia

Resumo

Muller de 64 anos de idade sen alerxias medicamentosas coñecidas nin hábitos tóxicos. Como antecedentes patolóxicos a paciente padece dislipemia, osteorporose e foi apendicectomizada. Acode a consulta de medicina de familia por vulto en escápula esquerda de dez anos de evolución que, dende hai uns meses, aumentou de tamaño e moléstalle.

Á exploración física non se aprecia lesión ata que a paciente realiza unha antepulsión e aproximación dos ombreiros, momento no que se produce un chasquido e observamos unha tumoración na punta da escápula esquerda, non móbil nin dolorosa á palpación.

Realízase ecografía clínica en consulta, apreciándose unha imaxe de 29x11mm, discretamente hiperecoxénica, de aparencia estriada que non capta doppler.

Coa impresión diagnóstica de fibroelastoma dorsi derívase á paciente ao servizo de cirurxía xeral para valorar exéresis da lesión. Alí, tras solicitar TC de tórax e PAAF que confirma os achados da ecografía, decídese manexo conservador e seguimento.

CONCLUSIÓNS

O fibroelastoma dorsi, tamén chamado elastofibroma dorsi, é un tumor benigno, de crecemento lento, xeralmente asintomático e máis frecuente en mulleres de mediana idade que adoita localizarse entre a parede torácica e o ángulo inferior da escápula. A imaxe ecográfica característica é un patrón de liñas alternantes hipo e hiperecoxénicas, paralelas á parede torácica e que non capta doppler. O diagnóstico diferencial debe realizarse con tumores subcutáneos como lipomas, fibrolipomas, formacións quísticas ou tumores máis agresivos.

Aínda que a gran maioría de lesións de partes brandas que chegan á consulta de medicina de familia son benignas, dispoñer dun ecógrafo é de gran axuda para categorizar a lesión. Os criterios suxestivos de malignidade son:

  1. Tamaño maior de 5cm.
  2. Marxes infiltrantes ou polilobulados.
  3. Crecemento rápido.
  4. Localización profunda ou extensión a través da fascia.
  5. Fluxo aumentado co Doppler-cor.

##submission.downloads##

Publicada

14.05.2025

Número

Sección

Casos clinicos

Categorías