Diagnóstico de neoplasia prostática en estadio metastásico dende AP. O coidador descoidado.

Autores/as

  • Marcos Pérez Recamán CS Bueu
  • Yolanda Fernández Veiga
  • Ángela Carballo Viñas

Palabras clave:

Cancro, Próstata, Metástases óseas, Coidador, Atención primaria, AP

Resumo

MOTIVO DE CONSULTA E HISTORIA CLÍNICA

Home de 72 anos. Fumador, sen outros antecedentes de interese. Entregado ao coidado e acompañamento da súa muller. Demanda consulta telefónica por lumbociatalxia. Páutase analxesia e cítase presencialmente.

En consulta refire lumbociatalxia intensa bilateral incapacitante e parestesias asociadas, predominantemente en perna dereita, de dous meses de evolución. Nega traumatismos recentes ou outra clínica por aparellos.

Na exploración física: Lasegue - Bragard negativos, exploración de cadeiras negativa. Dor á palpación de todas as apófises espinosas lumbares.

Solicítase radiografía de columna lumbosacra AP e LAT que amosa perda de altura de nova aparición en corpos vertebrais L2, L4, L5 e T8, ademais da T12 xa coñecida.

Pola intensa dor e sospeitando fractura patolóxica, derívase a Urxencias Hospitalarias . Valorado por Traumatoloxía como fracturas vertebrais simples: pautáse ortese e analxesia oral.

Decídese continuar estudo dende AP. Solicítase analítica destacando: PSA 268, GGT 851 U/L e FA 1027 U/L.

Reinterrogando ó paciente, admite síntomas de tracto urinario dende hai máis dun ano, que decidiu non consultar.

Sospeitando neoplasia prostática metastásica, derívase a Uroloxía a través de vía rápida.

 

 

DIAGNÓSTICO

O diagnóstico diferencial incluía metástases de tumores sólidos (principalmente prostático, pulmonar e renal) e hematopoiéticos1,2.

Acadouse diagnóstico histopatolóxico tras biopsia prostática: adenocarcinoma Gleason 8.

TC e gammagrafía obxectivaron extensión metastásica ósea e hepática.

 

 

CONCLUSIÓNS

1. Debido á incidencia do cancro de próstata no noso medio3, cómpre sospeitalo ante clínica suxestiva, tactos rectais ou análises patolóxicos, pero tamén ante fracturas patolóxicas1,2.

2. A derivación hospitalaria non sempre é a vía máis rápida para acadar un diagnóstico. Débense eliminar as barreiras de acceso a probas avanzadas dende AP para poder realizar derivacións máis dirixidas.

3. Debemos identificar en consulta a coidadores descoidados: persoas que agochan os seus síntomas ou dilatan a petición de asistencia por estar entregadas ó coidado doutro enfermo.

Publicada

20-05-2023