de Bernardo Roca, Daniel1
1 Secretario da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC)
Preparo esta Editorial folleando revistas antigas e mergullando na web (case 20 anos de revista dixitalizada xa!) e marabíllame o enorme traballo de profesionais con ilusión pola medicina de familia, pola Atención Primaria, e por crear dende este pequeno recanto algo especial. Moitos anos de traballo de socias e socios, de comités editoriais e de xuntas directivas.
Dende a Xunta Directiva consideramos a Cadernos de Atencíón Primaria coma un dos alicerces da nosa asociación e un dos piares da producción científica da Atención Primaria en Galiza. Cremos, sen dúbida, que paga a pena apostar non xa polo seu mantemento, senón polo seu desenvolvemento.
A revista Cadernos de Atención Primaria comezou a súa publicación aló polo ano 1994. Dende entón, leva mudado moito de formato, primeiro na súa version impresa e despois na online. Este que agora estamos poñendo en marcha será, no campo visual, tan só un cambio máis, con un aspecto algo máis simple e austero. Pero quizáis non sexa o aspecto o máis importante, senón os contidos científicos que se están a xerar, a pesares dos multiples retos que supón investigar dende a Atención Primaria: dende a falta de tempo, cada vez máis acuciante nos tempos que vivimos, á falta de motivación ou de preparación metodolóxica1.
Ten mudado tamén moito nos seus contidos, pero unha cousa permanece: están e seguirán estando dispoñibles para todos e todas, grazas á adopción incondicional do modelo de publicación Open Access.
Asemade, nos últimos tempos púxose o acento na indexación: en 2018 comezou a revision por pares, e en 2021 cumpríronse os requisitos formais para ser valorada no IBECS. Agardamos un 2022 que traia tan só boas novas.
Unha que xa podemos enunciar é a ampliación do Comité Editorial, coa incorporación de profesionais fundamentais da Atención Primaria como son as enfermeiras, e tamén compañeiras de Portugal. A Atención Primaria é unha labor de equipo, e Cadernos de Atención Primaria debe ser unha tarefa común e integradora para acadar a maior difusión possible, por buscadores científicos e incorporación en indices internacionais.
Outro dos obxetivos para esta nova etapa é aumentar a participación dos residentes. Para isto ofertarase a publicación e difusión dos traballos de fin de residencia de todos os residentes das Unidades Docentes de Atención Familiar e Comunitaria galegas. Continuarase coa publicación dos resumos dos traballos científicos aceptados nas Xornadas de AGAMFEC, en un número especial.
Tamén se reformulan as normas de publicación para adaptalas aos novos tempos e ao novo formato. E isto ven acompañado de un novo sistema de envío de artigos, que agardamos favoreza a axilidade na publicación e facilite o traballo dos e das revisoras.
No aspecto formal, adóptase o modelo de numero único anual, con actualizacións periódicas dos artigos publicados e preséntase un formato en tres linguas, galego, español e inglés, para dar un espazo a todas as voces.
Porque a excelencia das e dos profesionais que nos adicamos á Atención Primaria en Galiza obriga a que Cadernos de Atención Primaria siga a ser o que sempre foi, un espazo para nós e para todo o mundo. Un espazo para compartir experiencias e achados importantes, para transitar dende o local (dende o noso “barrio” ou a nosa “parroquia”) ao universal. Pero tamén obriga a mudar para aumentar a difusión e a excelencia dos artigos publicados.
Porque Cadernos debe cambiar para seguir sendo unha revista científica galega, libre e plural de Atención Primaria. Ou como reza na portada: “A publicación dos profesionais de Atención Primaria en Galicia”
1. Díaz Grávalos Gabriel J, Palmeiro Fernández Gerardo, Portuburu Izaguirre Maite, Vázquez Fernández Luis A, Rúas Vázquez Anxo, Casado Górriz Inmaculada: Factores que influyen en la producción científica en atención primaria Cad Aten Primaria 2006 Vol. 13 Páx. 169-172.
Disponible en: https://www.agamfec.com/antiga2013/pdf/CADERNOS/VOL13/VOL13_3/03_Orixinais_B.pdf